A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, participou hoxe na Xornada de familias de Fademga 2010 “Que é a calidade de vida?”
A titular do departamento autonómico adiantou que a nova normativa será “pioneira” no recoñecemento e amparo legal de circunstancias especiais que afectan ás familias
O texto definitivo será aprobado neste ano
Santiago, 8 de maio de 2010.- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe que, no próximo Consello da Xunta, presentarase o borrador da Lei galega de apoio á familia e á convivencia. Ademais, adiantou que esta nova normativa, que se aprobará este mesmo ano, será “pioneira” no Estado no recoñecemento e amparo legal de determinadas circunstancias que afectan ás familias.
Así o declarou a titular do departamento autonómico durante a súa participación na Xornada de familias Fademga 2010 “¿Que é a calidade de vida?”, que se celebraron hoxe en Santiago de Compostela.
De feito, Mato sinalou que unha das novidades deste texto lexislativo, de carácter transversal, é que outorgará unha especial consideración ás familias que teñen a cargo persoas con discapacidade, así como ás familias numerosas, ás monoparentais e a aquelas que teñen tamén ao seu cargo a maiores ou dependentes.
Este amparo específico permitirá que nas futuras medidas de apoio aos núcleos familiares aqueles que teñan estas características específicas serán colectivos prioritarios á hora de determinar os beneficiarios.
Ademais, esta nova Lei reforza o papel de mediación e orientación familiares e impulsa a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Por outra banda, no que se refire ás políticas de atención ás persoas con discapacidade, Mato incidiu en que o “principio básico” das políticas sociais do Goberno galego pasa por “deixar atrás o concepto meramente asistencial dos servizos públicos e convertelos en auténticos trampolíns que impulsen as capacidades de cada persoas”.
Neste sentido, lembrou que esta filosofía é a base do Plan de Actuación Social 2010-2013, que recoñece o “valor, as capacidades e os dereitos de todas as persoas sen exclusión”. No marco deste Plan, estase a desenvolver tamén o Plan integral de acción para as persoas con discapacidade, no que está implicado todo o Goberno galego, e que se encargará de planificar e coordinar todas as accións para mellorar a calidade de vida deste colectivo.
O Plan de Actuación social inclúe tamén a inserción laboral, ata 2013, de 4.900 persoas con discapacidade. Ademais, no diálogo social estase a debater o Plan de emprego autonómico, que abrirá un espazo específico para as persoas con discapacidade.