Novas Xunta de Galicia

Máis de 70 familias foron atendidas polas unidades piloto de desenvolvemento infantil e apoio familiar do Salnés e do Deza

*Estes centros, inaugurados hai dous meses, están subvencionados pola Consellería de Traballo e Benestar e postos en marcha pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT)

*O seu obxectivo é dar solución ás carencias de recursos de atención infantil temperá que tiñan ámbalas dúas comarcas

Santiago, 22 de agosto de 2009.- Máis de 70 familias foron atendidas xa polas unidades piloto de Desenvolvemento Infantil e Apoio familiar das comarcas do Salnés e do Deza. Este centros, que levan funcionando dous meses, teñen como obxectivo dar solución ás carencias de recursos de atención infantil temperá que tiñan ámbalas dúas comarcas.

Estas unidades, xa plenamente operativas, foron postas en marcha pola Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), grazas a unha subvención da Consellería de Traballo e Benestar.

As funcións destes centros son proporcionar valoración, orientación, información, apoio psicolóxico e asistencia evolutiva directa ás familias e aos seus nenos de 0 a 16 anos, nos casos nos que presenten discapacidades, situacións de dependencia ou problemas no seu desenvolvemento. En concreto, dáselle prioridade ao tramo de 0 a 6 anos, debido á importancia crítica desta etapa.

Polo tanto, e de acordo con estas funcións, a actividade destas unidades enfócase a promover a autonomía, a inclusión e o progreso social dos nenos e das familias, a través da promoción e a coordinación dos apoios que precisan para avanzar de forma conxunta.

Para iso, contan con equipos interdisciplinarios, que coordinan o contacto con redes de servizos sociais –de atención primaria e especializada-, e cos servizos sanitarios e educativos. Os equipos están formados por profesionais especialistas en desenvolvemento infantil e atención temperá, que ademais reciben, durante o período de implantación da unidade, o apoio e supervisión de titores de AGAT.

As dúas unidades traballan en horario de mañá e tarde, co fin de facilitar a accesibilidade e participación das familias.

http://novas.xunta.es/node/15806

Data: 11:44 – 22/08/2009
Áreas temáticas: Área de Benestar
Fonte: Consellería de Traballo e Benestar

Esta entrada fue publicada en familias, Xunta de Galicia. Guarda el enlace permanente.

Deja un comentario