A Xunta incrementará en 2,5 millóns de euros a partida destinada a programas de menores no ano 2010

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou hoxe o Centro Príncipe Felipe de Pontevedra con motivo do Día Universal da Infancia

Asegurou que o máis importante é levar a cabo medidas preventivas cos nenos e nenas e as súas familias para evitar o seu ingreso en centros

Afirmou que, no caso de que a Xunta asuma unha tutela ou garda, optarase prioritariamente polo acollemento familiar, un programa cuxa dotación orzamentaria incrementarase en 2010 nun total de 929.000 euros

Anunciou que nos próximos meses poranse en marcha o centro de menores de Valverde e a casa familiar de Ribeira

A titular do departamento autonómico destacou que a Xunta asinará proximamente un convenio co Centro Príncipe Felipe para o sostemento das prazas

______________________

Pontevedra, 20 de novembro de 2009.- O Goberno galego aumentará en 2,5 millóns de euros a partida destinada a programas de menores nos orzamentos de 2010. Así o confirmou hoxe a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, no transcurso dunha visita que realizou ao Centro Príncipe Felipe de Pontevedra, con motivo hoxe do Día Universal da Infancia, acto no que estivo acompañada do presidente da Deputación de Pontevedra.

A titular do departamento autonómico aproveitou o acto para lembrar que as instalacións pontevedresas son únicas en Galicia, pola súa importante dotación de persoal, polas súas dimensións -é o máis grande da Comunidade Autónoma- e pola a súa condición de Unidade de Primeira Acollida, onde se realiza unha valoración e unha posterior proposta do recurso máis axeitado para o menor.

Ademais, Mato tamén resaltou que a Xunta colabora con este centro a través dunha achega anual en concerto de prazas de 730.000 euros, ao que se engaden liñas de colaboración noutras materias como escolas obradoiro ou a participación deste centro no proxecto Mobilitas, a través do que se contratarán preto de 50 persoas en diversos obradoiros durante o ano 2010.

Un segundo fogar
Así mesmo, sinalou que proximamente asinarase un convenio de colaboración para o sostemento das prazas, eido no que se ten incrementado a partida económica nun 21% xa en 2009, dado que se pasou de abonar 16,5 euros por cada praza concertada a 20 euros.

A conselleira destacou na súa intervención que o máis importante e a súa intención é converter os centros nun segundo fogar, onde os menores atopen os recursos que precisan para o seu benestar, “pero coa vista posta nunha prioridade, a preservación ou reunificación familiar, sempre que sexa posible”, apuntou.

Mato apostilou, a este respecto, que “a Consellería de Traballo e Benestar vai incidir positivamente nas accións preventivas ou correctoras de desequilibrios familiares, de forma que se poida encauzar a súa situación antes de que esta se agrave, e mellorando as condicións do núcleo familiar, tentando sempre preservar a súa unidade”.

Neste sentido, explicou que a Xunta avoga por dous conceptos básicos na política de menores. O primeiro é “loitar todo o posible” con medidas preventivas e de apoio técnico para evitar que os nenos acaben en centros; e a segunda acción, no caso de que a Xunta non teña máis remedio que asumir a tutela ou garda dos menores, é lograr un acollemento familiar en lugar do ingreso nun centro. “O principal é habilitar toda unha serie de mecanismos e ferramentas para conseguir a reunificación desa familia”.

Ao respecto, Mato indicou que “a Xunta parte da confianza e esperanza de que as familias e os propios menores sexan capaces de orientarse cara á preservación e a reunificación, xa que entendemos que o fogar é o seo natural, a referencia que necesitan para o seu óptimo desenvolvemento”.

Por iso, a conselleira sinalou que o Programa de Acollemento Familiar recibirá un impulso económico “importante” por parte da Secretaría Xeral de Familia e Benestar, xa que a dotación orzamentaria incrementarase en 929.000 euros en 2010.

Accións a desenvolver
Ademais, Mato anunciou o resto de accións que ten previsto desenvolver o Goberno galego en política de menores entre este ano e o próximo.

No referente á dotación de centros, explicou que a principios de 2010 se porá en funcionamento o centro de menores de Valverde, un proxecto piloto e innovador que contará para o próximo ano cun investimento de 360.000 euros e que combina a vertente residencial coa formativa. Disporá, entre outras actividades, dun obradoiro de cantería, unha cociña industrial enfocada a converterse en obradoiro de hostalería e varias aulas formativas.

Tamén se creará unha nova casa de familia en Ribeira. A titular de Traballo e Benestar anunciou que abrirá en próximas datas e que se habilitarán 10 prazas, 8 residenciais e 2 de centro de día. O importe de licitación será de preto de 190.000 euros.

Na actualidade, a Administración autonómica conta con 80 centros, 8 propios e o resto colaboradores, é dicir, con concerto de prazas. En total, a Xunta dispón de 1.240 prazas, das que as tres cartas partes son residenciais e o resto son en centros de día, 310 aproximadamente. Agora mesmo, están a ser ocupadas en torno ao 90 por cento.

1.517 nenos tutelados
Por outra banda, Beatriz Mato fixo referencia a que a Xunta agora mesmo ten asumida a tutela de 1.517 nenos en situación de desamparo, o que supuxo a retirada da patria potestade dos seus pais. Ademais, a Administración autonómica asumiu a garda doutros 700 menores aproximadamente. Neste caso, a garda é unha vía temporal ata que se resolvan os problemas de fondo que levan a que unha familia non poida atender axeitadamente aos seus fillos, pero non hai razóns para a asunción de tutela por parte das administracións.

“Nestes casos optamos pola vía do acollemento sempre que se poida, no seo dunha familia, antes que pola institucionalización ou acollida en centros”, incidiu.

A este respecto, sinalou que no transcurso de 2009 formalizáronse máis de 1.283 acollementos familiares, o que supón uns 1.500 nenos e nenas acollidos. Destas familias, en torno á metade recibiron algún tipo de axuda económica para facer fronte aos gastos extra derivados do acollemento.

No referente aos acollementos residenciais, a conselleira apuntou que nestes momentos existen case 900 menores internados, logo de esgotarse todas as vías de posibilidades de acollemento familiar. “Non é a vía que preferimos, pero entendemos que tamén é necesaria”, insistiu Mato.

A titular do departamento autonómico, ademais, falou das situacións de risco, é dicir, aqueles casos nos que non son necesarios a asunción da garda ou tutela por parte da Xunta, pero nas que si se constata un risco por circunstancias persoais, familiares ou de contorno para o correcto desenvolvemento do menor. Nesta situación atópanse agora mesmo uns 4.000 nenos galegos.

Para axudar a frear estas situacións de risco, O Goberno galego dispón de varios programas. Destacan as axudas de prevención a familias en situacións de carencias graves, de tipo económico, e o Programa de Integración Familiar. A Xunta, ademais, dispón dun convenio coa Asociación de Terapia Familiar de Galicia, que presta atención a familias que teñen problemas cos seus fillos.

“En definitiva, o Goberno galego desexa reforzar os seus servizos e estreitar a colaboración con todos os profesionais que se dedican a unha tarefa tan importante como é acompañar aos nenos e nenas e apoiar ás familias con dificultades”, apuntou a conselleira.

Tema: Bienestar

Esta entrada fue publicada en acollida / acojida familiar, acollida/acojida de menores, Acollida/acojida temporal, Beatriz Mato, derechos de los niños, familias, familias acolledoras, niñas, niños y adolescentes, noticias, Xunta de Galicia. Guarda el enlace permanente.

Una respuesta a A Xunta incrementará en 2,5 millóns de euros a partida destinada a programas de menores no ano 2010

  1. r.filgueira dijo:

    “Goberno galego desexa reforzar os seus servizos e estreitar a colaboración con todos os profesionais que se dedican a unha tarefa tan importante como é acompañar aos nenos e nenas e apoiar ás familias con dificultades”…

    ESTREITANDO A COLABORACION AI ESTAREMOS EL PROXIMO DIA 25, CON DÑA SUSANA MATO

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s