Mato inaugura o novo centro de menores especializado en trastornos de conduta, o único destas características en Galicia
A conselleira de Traballo e Benestar visitou hoxe as novas instalacións que ofertan un total de 15 prazas
A Xunta destinará preto de 670.000 euros ao ano ao concerto do total das prazas durante as próximas dez anualidades
.
Beatriz Mato, esta tarde en Vilagarcía de Arousa Vilagarcía (Pontevedra), 21 de marzo de 2011.-
A Xunta de Galicia destinará durante os próximos dez anos un importe anual de preto de 670.000 euros ao concerto das 15 prazas que oferta o novo centro de protección de menores especializado en trastornos de conduta. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, inaugurou hoxe as novas instalacións de Chavea, que se emprazan na localidade de Vilagarcía.
A Fundación Lar pro saúde mental xestionará o centro, o único destas características que existe en toda Galicia. No centro traballarán un total de 27 profesionais, entre educadores, psiquiatras e coidadores, entre outros.
“Con este centro cubrimos un espazo de atención específica moi necesaria tanto para os menores como para as súas familias mellorando a súa calidade de vida”, destacou a responsable de Benestar.
Explicou, así mesmo, que neste centro se fomentará a autonomía persoal dos menores e se promoverán as súas capacidades de cara á inserción laboral, ao tempo que se traballará coas familias para acadar a súa volta ao núcleo familiar.
“Desde o Goberno galego estamos a impulsar ao máximo todas aquelas medidas que permiten a permanencia dos menores no seu entorno, fronte á institucionalización”, apuntou a conselleira. Ao respecto, indicou que nos casos que a atención nun centro é imprescindible a Xunta está a apostar por unha atención de calidade, especializada e individualizada para ofrecerlle a cada neno ou nena a posibilidade de integración familiar e social.
A Xunta sacou a concurso a posta en marcha dun novo centro de protección de menores especializado en trastornos de conduta, xa que o que existía- tamén emprazado en Vilagarcía- presentaba unhas condicións de habitabilidade que eran imposible mellorar dadas as propias características estruturais do edificio. Ademais, o novo centro permitiu ampliar as prazas en cinco novas.
..Tema: Benestar
Departamento: Consellería de Traballo e Benestar